Un punto de encuentro para las alternativas sociales

Catro notas sobre as Marchas da Dignidade

David Rodríguez

1. Se unha das condicións sine qua non para poder falar de auténtico movemento de masas de esquerdas, e non de carrusel electoral, é que exista autonomía a respecto das ideas, medios e organizacións hexemónicas, as Marchas da Dignidade, coa súa capacidade para mobilizar a milleiros partindo da autoorganización de cidadáns conscientes, movementos sociais, sindicatos e partidos non sistémicos baixo o manto de silencio dos grandes media e o desentendemento absoluto do social-liberalismo e dos sindicatos de concertación que vergoñentamente se reunían con Rajoy, Báñez e o xefe da patronal poucos días antes, poñen de manifesto o que cada vez semella máis obvio: o réxime político-económico-cultural que sustenta hoxe o entramado institucional do Estado Español sofre unha aguda crise de hexemonía que está a aboiar primeiro na desafección do “pobo de esquerdas” coas organizacións que até o de agora actuaban como mediadoras-integradoras. Unha crise que os documentais televisivos a cantar as xestas da Transición co gallo da morte de Adolfo Suárez non van conseguir remediar.

2. As arelas da esquerda non esclerotizada —ou non medoñenta ante o movemento real das masas reais e que soubo ler no 15M o verdadeiro síntoma de malestar que era— para que aquel magma potencialmente transformador tornase nun movemento moito máis estruturado e con obxectivos políticos máis claros están a verse colmadas no que hoxe representan as Marchas da Dignidade: a converxencia do espírito de indignación saído do 15M cunha vertebración programática que apunta de xeito certeiro ao inimigo principal neste momento: a débeda e a chamada Troika (FMI, BCE, CE).

3. O alleamento (ou ignorancia) coa que parte do nacionalismo galego viviu a existencia das Marchas da Dignidade, como antes vivira o fenómeno 15M, demostra a vixencia daquela “Teoría dos dous mundos” utilizada no seu momento por Xosé Manuel Beiras para describir a un nacionalismo galego ensimismado que confunde o seu propio mundo orgánico cunha realidade conformada, cada vez dun xeito máis decisivo neste presente caótico, polas dinámicas menos homologables e previsibles de movementos sociais críticos, capaces e lúcidos.

4. A claridade do discurso socio-económico unido á aparente asunción da pluralidade no nacional permite enxergar —nesa amalgama de esquerdas que fan política, porque o padecen, no marco do actual Estado español— un terreo de xogo practicable para continuar no proceso de acumulación de forzas. Tamén para os que consideramos que a nosa nación é Galiza e que entendemos acertado forxar alianzas para loitar por unha quebra democrática a nivel de Estado que dea un golpe de temón á cuestión socio-económica (na que impugnar con todas as consecuencias as actuais relacións de poder entre o sur e o norte da UE será central) e que poida supoñer un paso de xigante na resolución das cuestións nacionais do propio Estado Español.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *