A paixón civil do comunismo
Daniel Salgado
El sastre de Ulm. El comunismo del siglo XX. Hechos y reflexiones. Lucio Magri.
Ediciones de Intervención Cultural / El Viejo Topo, Madrid, 2010, 409 páxinas
Na intersección onde se cruzan vida propia e movemento real cara a emancipación do ser humano escribiu Lucio Magri (Ferrara, 1932) O sastre de Ulm. Vacinado contra cinismos finiseculares e contra a condescendencia de certa vellez pospolítica, quen exercera de director de Il Manifesto e antes formara no Comité Central do partido comunista con máis militantes de Europa occidental debruza o seu tempo con paixón civil, rigor analítico e unha esperanza desesperada. Magri pensa dende unha esquerda marxista non dogmática, pero advertida historicamente da preceptividade de se organizar. “Se para unha persoa xa anciá o illamento é decoroso, para un comunista é o pecado máis grave, do que hai que dar conta”, escribe na Introdución deste memorial de combate, “o ‘último dos mohicanos’ pode ser un mito, o comunista so, e anoxado, arríscase ao ridículo se non se fai a un lado”. A súa instalación é mobil e nunca clausura as outras posibilidades: o que non aconteceu puido acontecer e todo se decide na loita (de clases). Non hai determinismo ningún se se le con atención na biblioteca do relato obreiro.
O italiano, que na década dos setenta traballou na dirección do Partido de Unidade Proletaria –talvez unha das experiencias máis afinadas da extrema esquerda- e cando o PCI se suicidou pasou en Refundazione, procura, antes de máis, as causas do esfarelamento da razón comunista. Apoiado no concepto de hexemonía de Gramsci -segundo as lecturas da ala esquerda da organización de Togliatti e Berlinguer- e co imperativo de atar dialecticamente pensamento e acción, o autor d’O sastre de Ulm narra a grandeza e as miserias dunha aventura crítica e humana que arestora, di, precisa de “ruptura na continuidade”. Porque a fractura central resulta moito máis grave ca un problema de comunicación ou que a interpretación demoscópica. A deserción cultural da esquerda, a derrota no campo de batalla da linguaxe –o empeño de Magri inclúe non abandonar a palabra comunismo e recargar de sentido emancipador radical “liberdade” ou “democracia”- ou a renuncia á conformación do intelectual colectivo son o chan sobre o que o veterano militante constrúe o seu diagnóstico. O marxismo, que escolle como caixa deferramentas para interpretar o modo de produción dominante, debe contribuír a desaferrollar o traballo asalariado do seu carácter de mercadoría.
Pero para Lucio Magri non todo foi peixe. A partir da súa propia traxectoria –logo da fundación de Il Manifesto, en 1969, a unha distancia crítica do partido ao que regresa anos antes do derrubamento definitivo-, relata as dificultades do Partido Comunista que organizou aos partisanos antifascistas para ler as mutacións do capitalismo contemporáneo en Italia. Tampouco a relación coa nova esquerda resultou unha tarefa ben acometida, considera. Coincide co agudo A rapaza do século pasado, o memorial de Rossana Rossanda, a teórica máis produtiva do grupo expulsado do PCI pola esquerda en 1970 e tamén na mancheta de Il Manifesto. Se cadra o partido da orde si soubo extraer leccións do feminismo claudicante, do ecoloxismo despolitizado ou dos nacionalismos non revolucionarios, e utilizounos para vender máis obxectos e obter maior taxa de ganancia: niso consiste, por caso, a apropiación espectacular de maio do 68.
Certa inxenuidade parece por veces achegar as formulacións de Magri a proxectos de xorne liquidacionista. A súa valoración de Rodríguez Zapatero, ao que coloca no campo da esquerda, evidencia que, malia ao inxente esforzo documental d’O sastre de Ulm, non sempre atina. Mais a necesidade da memoria sitúao noutro espazo, o da tese de Alain Badiou cando asina, sen miga de retórica impostada, que o comunismo é o único polo que a política e a historia pagan a pena. Lucio Magri non adoza a propia historia e segue o fío que a violenta. Precisamente sobre iso trata o título do libro, recollido dunha estremecedora parábola de Brecht sobre as achegas á historia da aeronáutica do inventor esmendrellado dun aparello para voar na Idade de Media. “Con todo, comenta Brecht, algúns séculos despois os homes conseguiron voar”, escribe, e lembra que foi Pietro Ingrao, cabeza implícita da esquerda do PCI durante décadas, quen a empregou contra os que clausuraron o partido en 1991.
Nestes tempos interesantes, de tensión e revolta, prerrevolucionarios alcúmaos, de novo, Badiou, os feitos e as reflexións cosidas por Lucio Magri engaden matices e cuestións inexcusábeis para o movemento de liberación da humanidade. Curiosamente, foi Enrico Berlinguer, quen non adoita ser citado máis que como quen acompañou a Carrillo no seu achegamento vergonzante á socialdemocracia, o que recuperou a esquerda no discurso do PCI serodio ao que regresou o autor d’O sastre de Ulm. A cita é longa, de 1981, pero axuda á clarificación, tamén na Galicia de hoxe: “Os partidos dexeneraron e esta é a orixe dos problemas en Italia. Os partidos italianos hoxe en día son sobre todo máquinas do poder e do clientelismo: escaso ou mistificado coñecemento da vida e dos problemas da xente, poucos e vagos ideais e programas, cero sentimento e paixón civil. Administran intereses, decote contraditorios, ás veces sinistros, e como queira que sexa, sen relación coas necesidades humanas emerxentes. Sen desmontar dita máquina política, todo saneamento económico, toda reforma social, todo avance moral e cultural está pexado dende o inicio”.